HAMLET
Hamlet é sen lugar a dúbidas a peza teatral máis famosa da historia, escrita arredor do 1600 por un home que pretendeu, como Atlas, coller a esfera da Terra nas súas mans, e con ela todos os asuntos humanos, e plantalos no seu pequeno teatro do sur de Londres, The Globe. Desde ese lugar o teatro pasaría a ser un espello no que a humanidade puido observarse dun xeito critico a través de pezas que son obras mestras inesgotables de pura paixón e acción escénica.
Hamlet é unha traxedia de vinganza na cal o seu protagonista, paradoxalmente, non ten as características propias dun heroe de acción, asolado por unha conciencia que lle dificulta habitar nun mundo moralmente apodrecido. A través da súa peripecia a pluma mestra de Shakespeare constrúe unha peza poliédrica e dificilmente etiquetable que desborda os límites de calquera categorización, porque Hamlet é unha traxedia de vinganza, pero tamén unha peza sobre o amor e o maltrato; é a historia dun mozo que se sente abandonado pola súa nai, pero é tamén o relato dunha nai que loita por defender o seu dereito á felicidade; é unha das primeiras pezas que nos fala da saúde mental, un thriller de vinganza, unha historia de pantasmas, unha peza de teatro político, por veces filosófico e por veces metafísico, un drama psicolóxico, unha truculenta historia de violencia que acaba nunha tremenda carnicería final e tamén o reflexo da loita dunha xuventude que se ve obrigada a loitar pola orde dunha xeración anterior, deixando a súa vida nunha contenda que lle ven dada pero que non elixiron. É, en definitiva, unha obra mestra sobre a dificultade de acadar a verdade nun mundo que fixo da mentira e da manipulación do relato a súa normalidade e tamén a historia de dous mozos que se ven obrigados a vingar aos seus pais, cando estes quizais non merecían tanto esforzo.
Todo iso é Hamlet, todo o humano cabe en Hamlet. Nestes tempos nos que as máquinas semellan ser humanas, é esencial reflexionar sobre o que nos fai verdadeiramente humanos. Porque o problema quizais non é que as máquinas cada vez sexan máis semellantes a nós, senón que nós imitemos cada vez máis o xeito de pensar das máquinas. O abismo ao que nos fai asomar Hamlet pode ser un xeito de posicionarnos na trincheira do que realmente significa ser humano.
Equipo
Texto original: William Shakespeare
Dramaturgia: Vanesa Sotelo e Tito Asorey
Dirección: Tito Asorey
Elenco:
Alejandro Jato (Hamlet)
Machi Salgado (Claudio)
Belén Constenla (Gertrud)
Toni Salgado (Espectro)
César Martínez “Goldi” (Polonio)
Cristina Andrade (Ofelia)
Sergio Abelaira (Laertes)
Sergio Zearreta (Horacio)
Anxo Outumuro (Rosencrantz)
Raquel Espada (Gildenstern)
Marita Martínez (Cómica)
Adrián Ríos (Cómico, Sepultureiro)
Inés Salvado Gontad (Bernarda)
Isa Garrido (Marcela)
Iolanda Muíños (Francisca)
Pedro Placer (Cómico, Sepultureiro)
Escenografía: Carlos Alonso
Vestiario: Saturna
Maquilllaxe: Lorena Calvo
Iluminación: Laura Iturralde
Espazo sonoro: Xavier Bértolo
Coreografia: Rut Balvís
Loita escénica: Xosé Piñeiro
Asesora de interpretación: Melania Cruz
Lingüísta: Rosa Moledo
Axudantía de dirección: Sara Rey
Prensa y críticas
Vídeo
TRAILER
Galería