← Volver a Director

O MUNDO PERSISTENTE

Autor: Fernando Epelde Año: 2016 Categoría: Teatro
O MUNDO PERSISTENTE

Vinte minutos no mundo persistente equivalen a un día no mundo real. No espazo entre estas dúas medidas transcorren as vidas dos mozos protagonistas desta historia, que adoitan falar sempre entre eles enmarcados en pantallas, sen compartir espazos físicos. O mundo persistente é tamén un termo do campo dos videoxogos que denomina os universos virtuais que sobreviven en ausencia do xogador. Así que… agora, para estes mozos, o mundo persistente tornouse a única alternativa interesante fronte a un mundo exterior obsoleto e superado. E todo semella non ter bordos neste mundo. E, por riba, as cousas flúen sen perturbacións nos videoxogos, ata que un destes mozos enferma e a mesmísima morte (unha morte de píxeles, aínda que morte ao fin e ao cabo) fai acto de presenza para propoñerlle un pequeno paseo a través do mundo real na compaña dos seus amigos. Un paseo para alguén que xamais camiñou.

O Proxecto Nós
O mundo persistente é a nova proposta xurdida ao abeiro do Proxecto Nós Territorio (Es)Cénico Portugal Galicia, rede de intercambio teatral co país veciño na que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participa a través do CDG e a ESAD de Galicia. Se a produción en 2015 de Bilingue/Bilingüe —espectáculo inaugural desta iniciativa— estivo coordinada dende Portugal, desta volta é o CDG o que lidera a posta en marcha deste segundo título do Proxecto Nós. Pola banda portuguesa, están implicadas a Escola Superior de Teatro e Cinema (ESTC) de Lisboa e mais a Escola Superior de Música, Artes e Espectáculo (ESMAE) de Porto, así coma os teatros nacionais D. Maria II e São João. O obxectivo do Proxecto Nós é desenvolver unha rede de circulación de artistas novos, formados nas tres escolas participantes, nun contorno de traballo profesional, que incida, ao tempo, no impulso das relacións entre as escenas de Galicia e Portugal.

 

Un dos maiores praceres que se sente como director é a posibilidade de crear un mundo posible en escena rexido polas súas propias leis. Leis que se basean na creación de convencións que funcionen como código entre o que acontece por riba do escenario e o público que o está presenciando. Este luxo que nos ofrece o teatro permítenos a tentativa de analizar o noso universo nun espazo acoutado, de escasos metros cúbicos.

Nas nosas primeiras conversas, Fernando Epelde e mais eu comezamos a precisar as temáticas que nos estaban a roldar pola cabeza neste momento das nosas vidas. Falamos entón da virtualidade, que semella ter cada vez máis presenza en nós (ata o punto de que todas as nosas conversas para este proxecto tiveron lugar a través dunha cámara web); dos recordos en papel dos nosos avós e avoas, que gardamos coma tesouros; de Henry D. Thoreau e a súa teoría sobre a desobediencia civil, o individualismo e o retorno á sinxeleza como motor de revo- lución persoal; da falsa sensación de liberdade que nos podían ofrecer os videoxogos; dese recorrente sentimento de nostalxia analóxica que por veces nos invadía aos que, debido á idade, aínda puidemos coñecer o mundo sen Internet.

Todos eses temas fóronse concretando dun xeito natural ao longo dos meses ata que foi nacendo O mundo persistente, un espectáculo creado para un equipo artístico conformado por mozas e mozos que están a finalizar os seus estudos en Arte Dramática en Vigo, Lisboa e Porto.

Traballar con actores novos é algo que sempre me resultou enormemente satisfactorio pola súa entrega, o seu gran desexo de xogar en escena e a súa capacidade de arriscar, sabendo que teñen todo por gañar e moi pouco que perder. Todas estas características pódense facer extensibles ás mozas e mozos que completan o equipo artístico, cuxas achegas, deseños e propostas fan que este mundo persistente se converta nun mundo posible.

O mundo persistente podería ser a historia (si, é desas pezas que contan unha historia) dunha cuadrilla de amigos que fai unha viaxe. Si, coma Os Goonies. Pode que sexa un intento de imaxinar un mundo futuro certamente distópico. Si, coma Fahrenheit 451. Tamén poderiamos dicir que é a historia dun revolucionario que trata de ofrecerlles aos rapaces un novo modo de ver o mundo. Si, coma O club dos poetas mortos. Quizais alguén vexa a historia do paso do interior do espello ao seu exterior, nun reverso da Alicia de Carroll, ou unha sorte de versión de Peter Pan e os seus nenos perdidos

Equipo

TEXTO: Fernando Epelde
DIRECCIÓN: Tito Asorey
ELENCO: Germán Álvarez, João Cachola, Marta Dias, Hugo Olim, Tamara Urbano e Vicente Wallenstein 

ESCENOGRAFÍA: Miguel Costa
VESTIARIO: Sofia Rodrigues
ILUMINACIÓN: José Manuel Faro
AXUDANTE DE DIRECCIÓN: Javier Lojo
REXEDORÍA: Mariana Silva
COPRODUCIÓN: Teatro Nacional São João de Porto, Teatro Nacional Dona Maria II de Lisboa, Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Vigo, Escola Superior de Música, Artes e Espectáculo (ESMAE) de Porto e Escola Superior de Teatro e Cinema (ESTC) de Lisboa
 

Prensa y críticas